CAMIÑO NATURAL VÍA NOVA
O nome deste camiño provén precisamente desta vía, a Vía Nova ou Vía XVIII romana, a cal unía Bracara Augusta (Braga) con Asturica Augusta (Astorga).

O primeiro tramo desta vía, transcorre neste xeodestino, desde Portela do Home (na fronteira con Portugal) a Santa Comba de Bande. Este camiño coincide co percorrido da orixinal Vía Nova, aínda que non co seu trazado exacto. Trátase dun carreiro lineal que se pode percorrer andando ou en BTT. Todo el ten un alto interese paisaxístico, etnográfico e arqueolóxico, polo que é unha excelente opción para coñecer con máis detalle este territorio.
Ao seu paso descubriremos xacementos arqueolóxicos como o Aquis Querquennis en Porto de Quintela (Bande), campamento romano ocupado do s. I a mediados do s. II e construído co fin de vixiar a Vía Nova; ou patrimonio como a Igrexa de Santa Comba de Bande, pequena igrexa visigótica da segunda metade do século VII e a única deste período que se conserva na súa integridade. A ela trouxéronse as reliquias de San Trocado (discípulo do Apóstolo Santiago), a quen estivo dedicada.
É sen dúbida unha ruta idónea para gozar da natureza e a paisaxe, ademais de coñecer os valiosos recursos deste territorio.
Miliarios Xacemento Aquis Querquennis
