UN OLLO DE VIDRO NA CAPELA DE SAN MIGUEL

Capela de San Miguel - Equinocio

A capela de San Miguel (Celanova) ten unha característica que a fai única. O seu oratorio está perfectamente orientado para captar a luz do sol nacente durante os equinoccios de primavera e outono. Cando aparecen os primeiros raios no monte de San Cibrao, entran pola parte oriental da capela, saíndo do oeste, deixando o efecto visual dunha esfera con seis picos. Un espectáculo único que ocorre dúas veces ao ano.

Neste vídeo elaborado a partir dun relato de Antonio Piñeiro, ilustrado por Katherina Follea, relata o efecto solar máxico que se produce nesta capela mozárabe de San Miguel de Celanova durante os equinoccios de primavera e outono.

“EL DESORDEN QUE DEJAS”, ÉXITO DE NETFLIX

Escena serie "El desorden que dejas"

Fai unhas semanas adiantabámosvos que o 11 de decembro estrearíase en Netflix unha serie rodada totalmente en Galicia, principalmente na provincia de Ourense, cunha importante presenza na trama do xeodestino Terra de Celanova-Serra do Xurés. Hoxe fai unha semana da súa estrea e as críticas recibidas non poden ser mellores. A día de hoxe atópase no número 1 de Netflix das series máis populares en España.

Tras ver a serie, descubrimos que o instituto de Celanova é un protagonista máis da historia, no que se mesturan no transcurso da trama dous puntos temporais diferentes, as clases de Viruca e as clases de Raquel. En palabras dun dos protagonistas nun dos capítulos, “o máis bonito de Galicia”. En numerosos planos observamos un corredor, corredor que se corresponde cun lateral do claustro do mosteiro de San Salvador. Pedra e historia a través da pantalla. Tamén a Praza Maior de Celanova aparece en máis dunha ocasión, á saída das clases e nos momentos en que a protagonista se despraza a un dos seus bares. Outra paisaxe que non deixa de sorprendernos son as termas de Bande, presentes en momentos clave da historia. Non queremos facer spoilers, pero nelas vívense escenas con gran carga emocional.

Escena de la serie "El desorden que dejas"

Unha miniserie de 8 episodios que “engancha” dende o primeiro momento, converténdose nun maratón para moitos. A crítica fala de serie de misterio que se goza bastante, que engancha con rapidez. Tamén se eloxia a ambientación galega e o reparto.

Moitos son os espectadores que en tan só unha semana xa visionaron a serie completa, e moitos destes preguntaranse polas súas localizacións. No xeodestino estaremos encantados de recibilos e de que vivan en primeira persoa este territorio.

DESCOBRE A TERRA DE CELANOVA-SERRA DO XURÉS A TRAVÉS DAS SÚAS RUTAS

Fai uns días adiantabamos nas nosas redes sociais que podedes descubrir este xeodestino a través das rutas que temos colgadas na nosa canle de wikiloc: https://es.wikiloc.com/wikiloc/user.do?id=5845255

Xa sexa en BTT, a pé, por carreiros ou por sendeiros, podedes coñecer a paisaxe, natureza e diverso patrimonio que iredes atopando ao longo destes percorridos. En total son 31 as rutas que vertebran todo o territorio, todas elas coa súa distancia e dificultade, podendo elixir a máis adecuada en función dos nosos intereses, dispoñibilidade e condición física.

Para os máis preparados e atrevidos está a ruta Gran Xurés, cunha distancia total de 102 quilómetros distribuídos en 6 etapas. Comeza en Tourem (Portugal) e remata en Ameixoeira, sendo a ruta máis completa polo seu amplo trazado. Está clasificada como difícil, pero algunhas delas presentan unha dificultade maior, como o sendeiro Vieiro das Mámos (54 quilómetros polo planalto da Serra do Leboreiro) ou a ruta 08 Centro BTT Minas das Sombras (case 40 quilómetros nunha contorna 100% natural).

De dificultade intermedia están as rutas de Queguas (8 quilómetros), o sendeiro de Ponte Freixo (preto de 2 quilómetros), a ruta 10 Centro BTT Circular Terra Cha (10 quilómetros) ou a PR-G 20 Ruta de Padrendo (10 quilómetros). Para dar pequenos paseos co fin de desconectar e somerxerse na natureza, tamén temos rutas de dificultade doada, como a ruta do Río Mao, de aproximadamente 3,5 quilómetros, ou as rutas BTT 01 Centro BTT parque forestal Outeiro da Cela ou a ruta 03 Centro BTT Megalítica.

Diversas opcións para coñecer diferentes puntos deste territorio, xa sexa coa familia, con un grupo de amigos ou en solitario. Hai rutas para tódolos gustos e momentos.


CAMIÑO NATURAL VÍA NOVA

O nome deste camiño provén precisamente desta vía, a Vía Nova ou Vía XVIII romana, a cal unía Bracara Augusta (Braga) con Asturica Augusta (Astorga).

O primeiro tramo desta vía, transcorre neste xeodestino, desde Portela do Home (na fronteira con Portugal) a Santa Comba de Bande. Este camiño coincide co percorrido da orixinal Vía Nova, aínda que non co seu trazado exacto. Trátase dun carreiro lineal que se pode percorrer andando ou en BTT. Todo el ten un alto interese paisaxístico, etnográfico e arqueolóxico, polo que é unha excelente opción para coñecer con máis detalle este territorio.

Ao seu paso descubriremos xacementos arqueolóxicos como o Aquis Querquennis en Porto de Quintela (Bande), campamento romano ocupado do s. I a mediados do s. II e construído co fin de vixiar a Vía Nova; ou patrimonio como a Igrexa de Santa Comba de Bande, pequena igrexa visigótica da segunda metade do século VII e a única deste período que se conserva na súa integridade.  A ela trouxéronse as reliquias de San Trocado (discípulo do Apóstolo Santiago), a quen estivo dedicada.

É sen dúbida unha ruta idónea para gozar da natureza e a paisaxe, ademais de coñecer os valiosos recursos deste territorio.

REPÚBLICA INDEPENDENTE DO COUTO MIXTO

A todos os que descoñecían a historia deste territorio chámalles a atención o Couto Mixto, unha pequena rexión do sur da provincia de Ourense que durante 700 anos foi independente.

Esta historia remóntase ao ano 1143, ano no que se asinou o Tratado de Zamora, acordo de paz que deu lugar á creación do Reino de Portugal. Por mor deste tratado naceu un espazo que era demasiado pequeno como para pelexar por el e o suficientemente grande para emerxer unha república. Trátase dun feito moi pouco habitual, onde tres pobos, Meaus, Santiago e Rubiás, de apenas 30 km2., se rexían de forma independente á coroa de España e á de Portugal. Os propios veciños elixían a un xuíz ou xefe político cada tres invernos o cal era auxiliado por tres homes, un de cada aldea, os denominados “homes do acordo”.

O Parlamento situábase na propia igrexa de Santiago e nela gardaban o gran tesouro do Couto Mixto, un cofre con tres fechaduras (unha por cada home do acordo) onde se gardaban os documentos oficiais. Os habitantes desta rexión podían elixir ser españois ou portugueses, o cal ían cambiando no seu beneficio. Por exemplo, en caso de cometerse algún delito, os portugueses dependían do xuíz das aforas de Monte Alegre, e os españois do xulgado de Xinzo de Limia.

Neste territorio non se pagaban tributos a ningún dos dous países e quedaban exentos tamén do ingreso nos exércitos.

Outro fenómeno do Couto Mixto foi o denominado Camiño Privilexiado, unha ruta comercial de 6 quilómetros que unía os tres pobos coa localidade portuguesa de Tourem. Era unha vía de libre comercio onde as forzas de seguridade non podían intervir as mercadorías. Isto propiciou que esta vía se convertese nun lugar de contrabando, é dicir, unha especie de paraíso fiscal que estivo en uso até o ano 1868 (firma do Tratado de Lisboa). A partir de aí, o Couto Mixto pasou a formar parte de España.

Un destino cunha historia peculiar e única, considerada por algúns como a primeira democracia da Península Ibérica.

MOSTEIRO DE SAN SALVADOR

Este mosteiro, situado na Praza Maior de Celanova, foi fundado por San Rosendo no ano 936, nas terras do seu irmán o conde Froila Gutierrez. Foi un establecemento importante ao longo da súa historia, con moita influencia e con priorados dependentes deste (San Pedro de Rochas, San Salvador Coruxo ou Santa Comba de Naves, entre outros). Xa no século XIX, coa exclaustración, acabouse a actividade deste lugar, chegando ao abandono e a usarse as súas dependencias con outros fins, como cuartel, cárcere, concello, escolas… A pesar de toda a historia que pasou por el, consérvase bastante ben, podendo visitarse na actualidade.

Mosteiro de San Salvador

O mosteiro posúe dous grandes claustros (o procesional e o do poleiro), un pequeno patio de servizo para a cociña, diferentes dependencias que outrora foron usadas para labores de administración, servizo e residencia dos monxes e a edificación relixiosa, é dicir, a igrexa.

É visita obrigada da vila de Celanova, e en épocas anteriores foi o centro da vida comercial e social da comarca, ademais da educativa e cultural. Así mesmo, debemos descubrir dúas xoias que se atopan no seu interior: o órgano da igrexa e a capela de San Miguel. O órgano é do ano 1710, ano do que unicamente se conserva a caixa do escultor Francisco de Castro Canseco. O mecanismo é do organero franciscano frei Felipe da Pena, ao que a comezos do século XIX engadíuselle un segundo teclado. A capela é a igrexa mozárabe de menor tamaño que coñecemos. Segundo consta nun documento de principios do século XI, este pequeno oratorio foi edificado, no horto do mosteiro de Celanova, cara ao ano 940 por San Rosendo de Dumio en memoria do seu irmán Froila. Como curiosidade, mencionar que nos equinoccios de primavera e outono prodúcese un fenómeno único nesta capela. Coa saída do sol, os raios de sol cóanse polas pequenas xanelas da capela de San Miguel, formando unha perfecta estrela.

Na actualidade, parte desta construción destínase ás dependencias do concello e ao instituto da vila.

A CASA DA ESCUSALLA

Dentro do sector turístico emerxen continuamente novas necesidades e tipoloxías, na actualidade aquelas que teñen como protagonista á experiencia. Aparecen así turismos vinculados a feitos enigmáticos ou mesmo pantasmagóricos, visitas a casas encantadas, cemiterios ou lugares cunha historia ou lenda que disparan a imaxinación dos seus visitantes.

Casa da Escusalla

No xeodestino Terra de Celanova-Serra do Xurés temos a casa da Escusalla, con certo halo de misterio e lenda. Atópase na parroquia de Manín e correspóndese cos restos dun impresionante casarón de orixe incerta. Crese que foi construída no século XVIII, pertencendo, segundo algúns, á Inquisición.

Nela podemos apreciar os anchos muros desta construción barroca. A obra compúñase dunha planta baixa con patio e un piso superior con chan de madeira, ao que se podía acceder desde dúas escaleiras. En total 1500 m2 de superficie. Na súa parte dereita os restos dunha capela, en cuxo dintel aínda podemos ler “Sacellum D. Joseph”, por iso é polo que se coñece como capela de San José.

Ademais dos restos espectaculares que poderemos observar, son varias as lendas que recaen sobre esta casa. Algúns comentan que aquí era habitual a práctica de torturas e bruxaría.

O suposto último habitante da casa foi un policía portugués ao que chamaban Tío Roque. Este dicía que vira a pantasma dun frade con dúas monxas. Este suposto frade (Marrequiño) vivira na mesma casa no s. VIII e mataba os xornaleiros portugueses para non ter que pagarlles; despois enterrábaos no patio. Contrataba a outros novos e repetía a historia. En Portugal dicía que fuxiran. Outra versión da historia dicía que os contrataba para a vendima.

Tras a morte do Tío Roque, uns vagabundos tamén aseguraron ver aparicións tras pasar unha noite na casa. Outros din que nas noites de lúa chea pódese ver a frades paseando e orando pola casa.

Nos anos 50 un home que se dirixía a Aceredo, unha noite pechada e sen lúa, ao seu paso por diante da casa viu o patio totalmente iluminado cunha luz forte, cando daquelas non chegara ao lugar a luz eléctrica.

Un veciño de Ludeiros atopou a un burro ao seu paso pola casa, e como estaba canso, decidiu subirse ao animal para chegar antes ao seu destino. Con todo, o burro empezou a crecer até parecer un monstro, o mesmo demo.

Xa nos anos 90, un veciño que baixou a coller o autobús á estrada, pasou diante da casa cando era de noite, e viu algo que lle fixo estremecerse, algo que nunca chegou a contar.

Estas son só algunhas das historias que rodean a este lugar. Convidámosvos a visitalo e mergullarvos neste ambiente de misterio.

CASTROMAO, TERRITORIO DA TRIBO COELERNI

Nos arredores de Celanova atopamos un xacemento arqueolóxico castrexo, Castromao. Situado a máis de 700 m. de altitude, é un dos mellores exemplos da cultura castrexa do Noroeste da Península Ibérica. Na súa etapa de apoxeo, este estaba amurallado por un cinto de medio quilómetro de lonxitude. A tribo celta que vivía nel denominábase coelerni, a cal estivo alí dende o s. VI  a.C. ao s. II d.C.

Vista aérea de Castromao

Coa chegada dos romanos, foise realizando o traslado da poboación cara ás chairas, de aí unha intensa ocupación romana aos pés da muralla. Precisamente a parte máis escavada atópase entre as murallas, onde se encontran varios grupos de vivendas, sobre todo circulares, e algunhas de planta rectangular.

Entre os obxectos obtidos nas escavacións arqueolóxicas obtívose o trisquel calado de Castromao (s. I a.C.-I d.C.), a figura zoomorfa, o tesourillo de moedas (53 denarios e 1 áureo) ou a Tabula de hospitalidade. Estas pezas atópanse no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

A visita a este castro é unha oportunidade para gozar dunha contorna ao aire libre e coñecer os vestixios do noso pasado.

CELANOVA, VILA LITERARIA

Son varios os literatos que proceden da vila de Celanova, denominada por algúns como berce de poetas e escritores. Empezamos por Curros Enríquez, tal vez o máis coñecido. Nacido na vila en 1851, foi un dos representantes do Rexurdimento. Entre as súas obras atopamos Aires da miña terra ou O divino sainete. As súas obras caracterízanse polo seu contido social. Actualmente a súa casa natal alberga á Casa dos Poetas, cunha exposición permanente da vida do autor, así como doutros literatos ilustres de Celanova. Entre eles, Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912), segundo autor ao que facemos alusión. Durante a postguerra foi un dos máximos expoñentes da literatura galega, con obras como Longa noite de pedra. Non podemos deixar de mencionar tampouco a Xosé Luís Méndez Ferrín, que, aínda que naceu en Ourense en 1938, pasou estancias en Celanova, estando así moi vinculado a esta vila. Entre as súas obras máis coñecidas está Arraianos, dez relatos ambientados na Raia en diferentes épocas, dende a primeira das guerras carlistas até o franquismo.

Casa dos poetas – Celanova

A esencia destes autores respírase aínda nas rúas da vila, co busto de Celso Emilio na Praza Maior, a Casa dos Poetas, os lugares referenciados na obra Arraianos ou máis recentemente en El desorden que dejas, esta última unha obra contemporánea doutro escritor celanovés, Carlos Montero. Mesmo en certos momentos do ano desenvólvese a iniciativa “Poemas na rúa”, creándose percorridos literarios polo centro histórico da vila acompañados de paneis cunha selección de textos de figuras celanovesas: Curros, Celso Emilio, Castor Elices, Castor Méndez ou Ferrín.

Está claro que Celanova é unha vila altamente ligada á literatura, na que debemos descubrir a estes autores de renome e as súas obras.

PARQUE NATURAL BAIXA LIMIA-SERRA DO XURÉS, A XOIA NATURAL DO XEODESTINO

Ao falar do xeodestino Terra de Celanova-Serra do Xurés é imprescindible facer alusión ao gran espazo natural situado neste territorio: o Parque Natural Baixa Limia- Serra do Xurés, declarado Parque Natural o 11 de marzo de 1993. É o de maior extensión do seis parques naturais galegos, con 30.000 hectáreas En tal espazo podemos observar unha paisaxe formada por serras cunha altitude media por riba dos 1.000 metros, grandes árbores, lobos, corzos e cabalos salvaxes. Ademais, continúa máis aló da fronteira con Portugal, a partir da cal empeza o Parque Nacional Peneda-Gerês, formando conxuntamente ambos os espazos a Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés.

En Lobios podemos visitar o Centro de Interpretación do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, onde poderemos descubrir máis información deste espazo natural protexido.

Podemos percorrer e gozar deste espazo a través dalgún dos itinerarios sinalizados, máis de 10. Debemos ter coidado con dous deles, para os cales hai que pedir autorización previamente ás oficinas do Parque Natural, para poder atravesar a zona de acceso regulado da aldea ambiental de Salgueiro (concello de Muíños). Algunhas destas rutas están vinculadas a ríos, como a do Río Vilameá, a do Río Mau ou a do Río Agro. Outras das rutas propostas son a de Torrente-Salgueiro, Queguas, Padrendo ou Mina dás Sombras. Son de diferente dificultade, podendo elixir a que máis se adecúe ás circunstancias de cada un. O fin é poder gozar dunha xornada neste espazo con alto valor natural.