Lobeira

Que sería de Lobeira sen o santuario mariano da Nosa Señora do Viso, podería preguntarse o viaxeiro. Sería todo e nada ao mesmo tempo? Pois selo, xa o foi, cando aínda nada había. Ou, mellor, cando o que había non era un santuario, senón unha concepción de culto telúrico e astral que os nómades exerceron nas terras altas e dolménicas de As Motas.

Ao fío debería preguntarme tamén se ten ou non, o viaxeiro, razóns para explorar as súas altas lombas.

Pois claro que as ten. E moitas. Ou Viso Ou Viso Tan só debe deixarse guiar polo seu propio instinto e permitir que a natureza faga o seu traballo de reclamo. Sei que, cando a estrada sinale outros camiños, non os percorrerá, o viaxeiro, decepcionado.

Dicimos Lobeira e así, sen máis, parece que nos mente, provocador o xentilicio, historias nocturnas de licantropía e lúa chea. Nada máis lonxe da realidade, con todo. Aínda que tampouco nada negan as crónicas e nada nos asegura, por tanto, que non as houbo. Aínda que é posible que de habelas non lles fosen alleas aos saberes de Xoaquín Lorenzo, o seu máis ilustre e ilustrado fillo.

Falamos de Lobeira e coma se fose un xogo de letras, a toponimia trasládanos ao Leboreiro, tan iniciática e referencial como aliada inmóbil das hostes labregas que fixeron que os franceses Soult e Ney tivesen que abandonar aos tombos estas terras, conxurados todos eles na famosa Xunta de Voluntarios de Lobeira.


O Concello de Lobeira está situado dentro da Baixa Limia, no suroeste da provincia de Ourense, na marxe dereita do río Limia.

Conta cunha poboación de 1.010 habitantes e ten unha extensión de 68,9 km2. A súa situación no sector suroccidental da Sierra do Leboreiro e a existencia de numerosos cursos de auga fan desta zona un lugar de interese paisaxístico, así como unha contorna envexable para a pesca fluvial.

Explora o noso concello: