Barbadás, terra de lendas. O lugar perfecto para gozar de impresionantes paraxes naturais, a escasos quilómetros da cidade de Ourense e onde o visitante atopará sempre tesouros por descubrir e a tranquilidade que en ocasións anhélase.
E é que percorrer os bosques de Barbadás é revivir lendas ancestrais. Algunha como “A Pedra do Tangaraño” merece a pena coñecer. Contan que a este lugar levaban aos nenos e nenas con problemas de raquitismo para ser curados.
E entre estes bosques repletos de historias destaca “A Fraga de Louredo”, antigo coto ata o século XII. Desde a aldea de Santa Uxía achéganos a numerosos regatos, rocas, camiños e carreiros antes transitados por canteiros, agricultores e viticultores.
Estanques, fontes e muíños van sorprendendo ao paseante. Ata un castro que garda numerosos vestixios prehistóricos aos que se engaden outros de épocas contemporáneas.
As melodías acompañan en cada percorrido por Barbadás, xa sexa polo son da natureza, como o da auga que cae na fermosa “fervenza do Pisco”, en Os Muíños, ou polos do “Museo da Gaita de Fole”, que nos convidan a coñecer a historia deste instrumento tan apreciado por nobres e labradores do rural. E todo iso traslada a nosa mente a unha época antiga, na que se recrea a vida que algún día tivo este singular territorio.
Co pasado podémonos reencontrar tamén no “Museo Etnográfico de Loiro”, unha iniciativa veciñal para conservar a memoria do pobo. Rememórase a vida e costumes do século XX a través dun percorrido polos obxectos que se foron cedendo. A vida no fogar, os útiles de labranza e de oficios como o das leiteiras ou carpinteiros expóñense neste lugar, ademais de fotografías que mostran os costumes sociais nun período non tan afastado no tempo pero cun importante valor etnográfico.