Historia

Neste Xeodestino atoparemos monumentos megalíticos, aldeas abandonadas e o testemuño do paso dos lexionarios romanos pola calzada XVIII ou Vía Nova; construcións populares, como muíños, colmeas amuralladas, cabanas de pastores, hórreos, fornos comunais, camiños e cercados, que revelan a alma máis creativa dos seus poboadores.

Estamos nun lugar privilexiado para descubrir restos dos nosos devanceiros. Na serra de O Laboreiro atópase unha das maiores concentracións de túmulos ou mámoas de Europa e os dolmens/dólmenes de Maus de Salas e Val do Salas ben merecen unha visita. Durante a romanización este territorio coñeceu a construción da Via Nova, que unía Braga con Astorga, o que propiciou que se erixisen edificacións civís como o campamento militar Aquis Querquennis, en Bande, ou a vila con funcións de pousada viaria e instalación termal, Aquis Originis, próxima aos Baños de Riocaldo en Lobios.

Outra visita obrigada é a igrexa visigótica de Santa Comba de Bande, do s. VII, única construción que se conserva dun antigo mosteiro. A aldea de Cela en Lobios, coas súas construcións sobre bolos graníticos, e as Cortes da Carballeira en Entrimo son dúas mostras de arquitectura popular que che recomendamos visitar. Celanova é terra de poetas como Curros Enríquez ou Celso Emilio Ferreiro, sen dúbida inspirados pola beleza da contorna.

A Praza Maior de Celanova está presidida polo maxestoso Mosteiro de San Salvador, unha das xoias do barroco en Galicia. Nos arredores, o castro de Castromao e Vilanova dos Infantes, vila medieval con casas señoriais ao redor dunha antiga torre. 

Explora os nosos lugares con moita historia: