Igrexa de San Xés (A Canle)
Constitúe unha mostra destacada da arquitectura comarcal. A construción pertence ao barroco tardío, quedando constancia da súa construción en 1781.
O presbiterio destaca polas súas dimensións respecto á nave cuberta con bóveda de canón. A cabeceira do templo complétase cunha capela cuberta con bóveda de arestas e torre, a cal se decora nos extremos das súas caras con dobres pilastras, sendo o corpo superior máis reducido en tamaño e desacorde en proporcións, xa que, ademais, carece de remate. A fachada culmina no frontispicio con brasón e anagrama mariano. Por riba del, nunha fornela enmarcada, atópase a imaxe pétrea de San Xés.
Xa no interior, o retablo maior sobresae pola súa grandiosidade con dous corpos distribuídos en cinco rúas mediante columnas salomónicas e ático.