Carreiro Serra da Moura
Carreiro Sierra da Moura Saíndo desde o San Paio pola pista da esquerda, ascéndese por unha zona de monte baixo pola chamada “pena das Verrugas” e estréitase máis adiante un pouquiño o carreiro desde o que vemos o “coto da Moura” de 944 m de altura, esta cima tamén chamada serra de Silvana ou “Silva Escura” fan fronteira os concellos de Ramirás, Quintela de Leirado e Gomesende.
No punto máis alto atópase unha cova natural, a “cova da Moura”. Desde o carreiro da zona máis elevada pódese observar a beleza e a fertilidade do val de Ramirás, regado polos ríos Tuño e Arnoia, onde tamén atopamos as coñecidas “levadas”, canles de rega construídos polos monxes do mosteiro de Celanova, que axudaron ao desenvolvemento agrícola da zona. Atravesando esta zona de monte baixo, atopamos coellos, corzos, perdices e cabalos en liberdade.
Tamén nos atopamos con varias especies de réptiles. No percorrido atoparemos algunha fonte de auga da Serra da Moura.
O carreiro comeza a descender pola capela de San Adrián ata a capela de San Paio por unha zona de vexetación autóctona: carballos, bidueiros, e vimbias ao redor de varios arroios que baixan da serra e que lle dan unha sensación de frescura ao percorrido, que aquí se fai moito máis fácil e desde o que se seguen vendo fermosas vistas do val de Ramirás.