RUTA 04 CENTRO BTT PICOS DE FONTEFRÍA
Sen dúbida, estamos ante unha das rutas máis espectaculares e esixentes. Cun total de 32,4 quilómetros e case 1.700 metros de desnivel acumulado, é un auténtico reto para os ciclistas máis experimentados.
Descrición da Ruta
Dende o Punto de Recepción das Maus de Salas, tras cruzar a presa do encoro, deixamos á nosa esquerda o dolmen coñecido como Casola do Foxo e xiramos á dereita por unha ampla pista de terra.
A través dunha longa subida, a ruta vaise adentrando paulatinamente na típica paisaxe granítica e semidesértica do Xurés ata chegar á zona coñecida como Outeiro do Home Dereito, a 1.115 m de altitude.
O percorrido continúa ata chegar á aldea do Salgueiro, situada ao pé dos Picos de Fontefría, abandonada polos seus habitantes a mediados do século XIX pola dificultade de establecer vías de acceso adecuadas. Todo o conxunto das edificacións e os seus terreos limítrofes pertencen na actualidade á Xunta de Galicia que, en colaboración co Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, está a levar a cabo diferentes programas de xestión ambiental e a súa paulatina reconstrución. Na súa contorna puxéronse en marcha programas de recuperación do ibex.
Saíndo do Salgueiro e tras unha forte subida chegamos á Carballeira da Barxa, unha zona de bosque autóctono moi ben conservado e Reserva Integral deste espazo protexido.
A última parte do percorrido, antes de incorporarse de novo á Ruta 3 “Megalítica” e regresar ás Maus de Salas, discorre polas zonas máis altas da Serra do Xurés, entre rochas e cantos graníticos que dan á paisaxe un aspecto árido pero de grande valor natural.