Patrimonio

Patrimonio

Neste Xeodestino atoparemos monumentos megalíticos, aldeas abandonadas e o testemuño do paso dos lexionarios romanos pola calzada XVIII ou Vía Nova; construcións populares, como muíños, colmeas amuralladas, cabanas de pastores, hórreos, fornos comunais, camiños e cercados, que revelan a alma máis creativa dos seus poboadores.

Estamos nun lugar privilexiado para descubrir restos dos nosos devanceiros. Na serra de O Laboreiro atópase unha das maiores concentracións de túmulos ou mámoas de Europa e os dolmens/dólmenes de Maus de Salas e Val do Salas ben merecen unha visita. Durante a romanización este territorio coñeceu a construción da Via Nova, que unía Braga con Astorga, o que propiciou que se erixisen edificacións civís como o campamento militar Aquis Querquennis, en Bande, ou a vila con funcións de pousada viaria e instalación termal, Aquis Originis, próxima aos Baños de Riocaldo en Lobios.

Outra visita obrigada é a igrexa visigótica de Santa Comba de Bande, do s. VII, única construción que se conserva dun antigo mosteiro. A aldea de Cela en Lobios, coas súas construcións sobre bolos graníticos, e as Cortes da Carballeira en Entrimo son dúas mostras de arquitectura popular que che recomendamos visitar. Celanova é terra de poetas como Curros Enríquez ou Celso Emilio Ferreiro, sen dúbida inspirados pola beleza da contorna.

Praza Maior de Celanova está presidida polo maxestoso Mosteiro de San Salvador, unha das xoias do barroco en Galicia. Nos arredores, o castro de Castromao e Vilanova dos Infantes, vila medieval con casas señoriais ao redor dunha antiga torre. 

Mapa Interactivo

Explora os nosos lugares con moita historia

Todos
Museos
Patrimonio Cultural
Patrimonio Etnográfico
Patrimonio Relixioso