Igrexa de San Martiño de Araúxo
O templo parroquial constrúese no ano 1781 no lugar de Requeixo. A fachada poténciase con porta alintelada, ornamentada con molduras apoiadas nos ángulos e fornela avieirada no frontispicio, sobre ménsula galonada. Remata con espadaña de dous corpos e frontón. No lado do evanxeo constrúese en 1828 unha capela para os “Beati Mortui Qui in Domino Moriuntur”, segundo indica un epígrafe no exterior.
No interior destaca o retablo maior e colaterais, do século XVIII, estando representados no santoral a imaxe do titular, Santo Antonio, San Roque, San Benito Preto, San Martiño, Santa Bárbara, e relevos da Anunciación e Visitación.