Santuario de Nosa Señora Do Viso
Esta capela está situada no Monte do Viso, trátase dun macizo que pertence á Serra de Leboreiro, desde alí pódese ver unha boa parte da Baixa Limia.
A ermida está asentada a unha altitude de 852 metros, e segundo parece sobre a acrópole dun castro, polo que se trataría dunha cristianización de cultos antigos. Consérvase algún resto románico, así como un retablo do século XVIII. A imaxe é de finais do século XIX e é das de vestir; só ten talladas a cara e as mans.
O santuario constitúe un dos poucos expoñentes do románico tardío da comarca. A fábrica presenta planta rectangular e ábsida con capela e sancristía pegadas. No interior, arco de medio punto sobre columnas adosadas, con capiteis de motivos vexetais e imposta decorando o arco triunfal. A base da ventá prolóngase ao exterior con repisa, transformándose en fornela. A sancristía constrúese no ano 1717, como indica unha inscrición; é de dúas plantas, con ventá ata o interior, servindo de tribuna ó clero.
A portada do muro é románica, con arco de medio punto e grandes doelas con bolas no intradorso. Nunha das xambas mostra a inscrición “ERA MCCCXL”, correspondendo ós anos 1300 e 1309, na que debeu construírse o santuario. A fachada actual sufriu unha reedificación no ano 1741, labrándose conforma á moda barroca unha porta alintelada, resaltada con orelleiras, e fornela coa imaxe pétrea de Nosa Señora, coroada por anxos.