Igrexa de Santa María do Pao
A igrexa de Santa María do Pao é unha gran construción barroca dunha soa nave e ábsida rectangular. Chama a atención a lonxitude da nave e a gran altura e robustez da torre dividida en tres corpos. Son curiosas estas grandes dimensións nunha comarca de escasa concentración de habitantes.
Xunto á igrexa atópase a casa reitoral que segundo a tradición foi escenario da reunión dos reis Fernando II de Galicia e Alfonso I de Portugal para tratar temas de estado como os lindes dos reinos. Por suposto que o edificio actual pouco ou nada ten que ver coa construción onde presuntamente tivo lugar esta reunión.
O cemiterio antigo localízase no atrio e xunto a este veremos o novo cemiterio.