Miliarios de Riocaldo

Integran esta área de recreo unha serie de fitos viarios pertencentes á nomeada Vía Nova ou Vía XVIII , calzada que unía as cidades de Braccana Augusta e Asturica Augusta.

Trátase de fitos construídos na época dos romanos, situados na fronteira con Portugal, que servían para sinalar as distancias ao longo da Vía XVIII. Pedras cilíndricas que serven para marcar as distancias (en cada milla había un miliario), e moitos deles teñen inscricións nas que se rendía culto ás divindades e ás autoridades. O estudo destas inscricións permite comprender o grao de simbiose entre as divindades locais e as romanas. A existencia de numerosos miliarios nesta zona dá lugar a discusión entre numerosos arqueólogos. Mentres que uns consideran que se debe a que nas proximidades existía un taller no que se elaboraban, outros achacan a súa existencia ao feito de que ao tratarse dunha zona non moi habitada non houbo a necesidade de reutilizalos en obras posteriores.

Como chegar

CAMIÑO NATURAL VÍA NOVA

O nome deste camiño provén precisamente desta vía, a Vía Nova ou Vía XVIII romana, a cal unía Bracara Augusta (Braga) con Asturica Augusta (Astorga).

O primeiro tramo desta vía, transcorre neste xeodestino, desde Portela do Home (na fronteira con Portugal) a Santa Comba de Bande. Este camiño coincide co percorrido da orixinal Vía Nova, aínda que non co seu trazado exacto. Trátase dun carreiro lineal que se pode percorrer andando ou en BTT. Todo el ten un alto interese paisaxístico, etnográfico e arqueolóxico, polo que é unha excelente opción para coñecer con máis detalle este territorio.

Ao seu paso descubriremos xacementos arqueolóxicos como o Aquis Querquennis en Porto de Quintela (Bande), campamento romano ocupado do s. I a mediados do s. II e construído co fin de vixiar a Vía Nova; ou patrimonio como a Igrexa de Santa Comba de Bande, pequena igrexa visigótica da segunda metade do século VII e a única deste período que se conserva na súa integridade.  A ela trouxéronse as reliquias de San Trocado (discípulo do Apóstolo Santiago), a quen estivo dedicada.

É sen dúbida unha ruta idónea para gozar da natureza e a paisaxe, ademais de coñecer os valiosos recursos deste territorio.