Igrexa de Santa María A Real
É unha das xoias arquitectónicas barrocas de Galicia, considerada como a máxima expresión deste estilo arquitectónico da Comunidade Autónoma.
A denominación de “A Real” débese á circunstancia de haberse levantado nun solar pertencente á coroa. A obra foi rematada na primeira metade do século XVIII, sendo o mellor exemplar de estilo churrigueresco en Galicia, xa que se asemella máis ás veciñas construcións de Portugal que ás galegas, circunstancia que indicaría a presencia de canteiros lusitanos na obra.
O templo ten tres naves separadas por pilastras e un cruceiro moi elevado que na súa intersección ca nave central cóbrese cunha cúpula de media laranxa que se remata no exterior cun tambor octogonal rematado con linterna. O resto da igrexa cóbrese con bóvedas de crucería de tradición gótica. Porén, o máis destacado do templo é a orixinal fachada occidental, concebida como un monumental retablo en pedra que se divide en tres corpos con diferentes motivos en cada un deles.