Mosteiro de San Salvador
Fundado por San Rosendo no ano 936, é o eixo vertebrador da vida comercial e social da comarca e centro de educación e cultura, expresa na súa fábrica as épocas de maior esplendor dá arquitectura monástica galega. Conformado por unha igrexa de grandes dimensións, con planta de cruz latina, con tres naves de tres tramos cada unha e unha transversal que forma o cruceiro, onde destacan o gran retablo maior de Castro Canseco, así como os dous coros e o magnífico órgano do século XVIII, hoxe totalmente restaurado e habilitado para a celebración de magnos concertos. Conta ademais con senllos claustros ao redor dos cales se distribúen todas as dependencias monacais, destacando sobre todas ela a torre das campás, que no seu momento acolleu a cámara abacial. Este é o terceiro edificio desde os tempos do fundador e aínda que foi empezado a construír a mediados do século XVI, o groso da edificación data do século XVII. A fachada, solemne e clasicista, foi a primeira gran realización arquitectónica do novo edificio e coa que se inicia a transformación da antiga igrexa románica nun suntuoso templo barroco. Nela destacan as imaxes de San Benito, de San Rosendo e de San Torcuato, bispo de Guadix. Como xa foi referenciado, o mosteiro organízase ao redor de dous claustros. O Barroco ou procesional, do século XVI, é o inmediato á igrexa, con bóvedas de crucería e medallones con bustos de personaxes históricos (Carlos V, Felipe II ou Juan de Austria). No século XVIII foi ornamentado nas súas fachadas exteriores, nun barroco moi cargado, por frei Plácido Iglesias, monxe arquitecto de Celanova, a quen se lle atribúe a solemne escaleira que comunica os dous pisos deste claustro e dá acceso á torre dos abades. O segundo, coñecido popularmente como » Poleiro», foi terminado no ano 1722. É máis sinxelo, neoclásico e curioso por unha balconada ou » poleiro» que posibilita o acceso ás celas situadas entre pisos e sostida por grandes ménsulas características da arquitectura popular galega. A biblioteca, outras escaleiras e diferentes dependencias ofrecen interesantes solucións arquitectónicas que converten a este edificio nun dos exemplos máis destacados do denominado barroco galego. Como chegar Palabras descoñecidas