Son varios os literatos que proceden da vila de Celanova, denominada por algúns como berce de poetas e escritores. Empezamos por Curros Enríquez, tal vez o máis coñecido. Nacido na vila en 1851, foi un dos representantes do Rexurdimento. Entre as súas obras atopamos Aires da miña terra ou O divino sainete. As súas obras caracterízanse polo seu contido social. Actualmente a súa casa natal alberga á Casa dos Poetas, cunha exposición permanente da vida do autor, así como doutros literatos ilustres de Celanova. Entre eles, Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912), segundo autor ao que facemos alusión. Durante a postguerra foi un dos máximos expoñentes da literatura galega, con obras como Longa noite de pedra. Non podemos deixar de mencionar tampouco a Xosé Luís Méndez Ferrín, que, aínda que naceu en Ourense en 1938, pasou estancias en Celanova, estando así moi vinculado a esta vila. Entre as súas obras máis coñecidas está Arraianos, dez relatos ambientados na Raia en diferentes épocas, dende a primeira das guerras carlistas até o franquismo.

Casa dos poetas – Celanova

A esencia destes autores respírase aínda nas rúas da vila, co busto de Celso Emilio na Praza Maior, a Casa dos Poetas, os lugares referenciados na obra Arraianos ou máis recentemente en El desorden que dejas, esta última unha obra contemporánea doutro escritor celanovés, Carlos Montero. Mesmo en certos momentos do ano desenvólvese a iniciativa “Poemas na rúa”, creándose percorridos literarios polo centro histórico da vila acompañados de paneis cunha selección de textos de figuras celanovesas: Curros, Celso Emilio, Castor Elices, Castor Méndez ou Ferrín.

Está claro que Celanova é unha vila altamente ligada á literatura, na que debemos descubrir a estes autores de renome e as súas obras.